June 18, 2021

Etapa 4ª: Laza – Xunqueira de Ambía

DESENVOLVEMENTO DO PERCORRIDO
Iniciamos a cuarta etapa pola estrada comarcal asfaltada ata chegar á aldea de Soutelo Verde, onde comezamos un duro ascenso ata o núcleo de A Alberguería. Un tramo onde, en apenas 8 km salvamos un desnivel con diferencia de cota superior aos 400 m, verdadeiro escollo desta etapa. Cruzando esta singular aldea continuamos a ruta por un relevo chan durante 3 km ata atopármonos cunha cruz de madeira no Alto de Talariño (984 m). Dende aquí iniciamos un descenso moderado de 7 km cara Vilar de Barrio, un núcleo de relativa importancia no que poderemos atopar todos os servizos precisos, incluíndo un albergue no centro da vila con capacidade para 21 persoas (ou liteiras e unha cama para discapacitados). Antes de continuar a marcha aconsellamos un pequeno descanso que nos sirva para enfrontarnos á desecada Lagoa da Antela.

Superada a chaira limiá chegamos aos núcleos de Santa Mariña de Bobadela e Cima de Vila, onde percibimos un cambio radical na paisaxe. A caída cara o Val do Arnoia entre bidueiros e carballos sumado ao fácil do camiñar nun suave descenso cara o río, albiscando a colexiata de Santa María a Real, converte a entrada en Xunqueira de Ambía nun pracer para o peregrino.

As primeiras mencións de Xunqueira de Ambía falan dun mosteiro fundado no século X por Gonzalo Froila e Ilduara, parentes do fundador de Celanova Rosendo Gutérrez. No ano 1150 os herdeiros dos fundadores xunto co rei Alfonso VII (participación dubidosa) terían doado ao prior de Santa María de Sar para que nel viva en adiante unha comunidade de cóengos regulares baixo a regra de San Agustín, que adoptaron tamén algunhas Catedrais, coma a de Tui. A nova comunidade iniciou moi cedo a construción dunha igrexa románica, posibelmente consagrada o 2 de xuño de 1164.

Os séculos XIII e XIV foron bos para Xunqueira, permitindo que a comunidade adquirira e asentase un amplo patrimonio que se estendía polo alto Arnoia, a Serra de San Mamede, a actual Limia e o Val de Monterrei, chegando ata A Gudiña. Tamén as súas relacións ca monarquía e a nobreza laica, en especial cos herdeiros dos fundadores, foron pacíficas neste período. Porén, esta situación muda chegado o século XV, no que suceden os problemas cas casas condais de Lemos e Ribadavia e con cabaleiros coma Álvaro Mosqueira ou Gregorio Méndez.

Serra de San Mamede – Maria / CC BY-SA 4.0

A reforma baixomedieval non afecta á casa agustina que será reformada a principios do século XVI por don Alonso de Piña. El é quen constrúe o claustro que aínda se conserva, quen funda a vila que arrodea o mosteiro e o convento franciscano do Bon Xesús de Trandeiras no couto do mesmo nome que pertencía a Xunqueira, nun estilo a medio camiño entre o tardogótico e o renacentista.

A casa prioral foi construída no século XVI, aínda que conserva restos románicos. A canónica é un edificio alongado no que se conservan canzorros e portadas románicas que, despois de reformado a principios do século XX, converteuse en residencia de verán dos bispos de Ourense, sendo ocupado primeiro polos Irmáns das Escolas Cristiás e despois pola Orde Mercedaria que rexeu a parroquia ata finais do 2003. No 1602 o Papa anexionou o priorato ao bispado de Valladolid. A partires deste momento os bispos de Valladolid pasaron a ostentar o cargo de priores e detentaron o patrimonio de Xunqueira. Trala desamortización, a colexiata vai converterse nunha parroquia da diócese de Ourense.

Santa Mariña de Augas Santas – J.A. Gil Martínez / CC BY 2.0
Allariz

A poucos quilómetros do camiño atópanse dous lugares de singular beleza e de grande relevancia para as terras nas que este transcorre: o santuario de Santa Mariña de Augas Santas e a vila de Allariz, declarada Conxunto Histórico Artístico no 1971.

1