June 18, 2021

Etapa 2ª: Lubián – A Gudiña

DESENVOLVEMENTO DO PERCORRIDO
Iniciamos a segunda etapa na Plaza Maior de Lubián (Zamora), dende onde o camiño combina breves tramos asfaltados con espectaculares sendeiros que nos conducen ao Alto da Canda (1.260 m), divisoria das provincias de Zamora e Ourense. A partires deste punto comezaremos a observar un novo sistema de sinalización, obra do escultor auriense Nicanor Carballo, que enche de personalidade a entrada do camiño en Galicia. Superado este primeiro obstáculo notamos un cambio no perfil a consecuencia dun descenso pronunciado que nos acompañará ata Vilavella (960 m), lugar no que recentemente foi construído un singular Hotel-Spa y que pode ser unha boa alternativa á rede de albergues propostos.

Deixando atrás esta vila dirixímonos ao Pereiro, aldea na que repoñeremos forzas antes de enfrontarnos ao segundo obstáculo de la etapa. Despois do descanso coroamos o Alto do Cañizo (1.085 m), dende onde continuaremos por sendeiros compartidos con estradas asfaltadas que dificultan o tramo final do percorrido.

Salvada esta desagradecida entrada na Gudiña teremos a compensación dun confortable albergue de recente construción e con unha capacidade para 24 persoas.

“Porta de Galicia”. Esta denominación, a elixida para a estación do Tren de Alta Velocidade na Gudiña, dá unha clara idea da relevancia da localidade como enclave vital nas comunicacións entre o territorio galego e a Meseta. Ferrocarril e comunicacións por estrada deixaron o seu sinal na vila, mesmo na súa estrutura: trátase dunha localidade de desenvolvemento lineal e articulada ao redor de dúas rúas: a que percorre a estrada nacional e outra, paralela a esta, que segue o camiño antigo que a estrada veu a substituír. Tal feito non supón un fenómeno novo. Hoxe como onte esta é comarca feita ao paso de xentes e mercadorías.

Venda do Espiño – Adrian Estévez / CC BY-SA 4.0

O roteiro a Santiago atravesa, na meseta entre os vales, localidades que deixan ben ás claras a súa orixe, as “vendas” como Venda da Teresa, Venda do Espiño, Venda da Capela, son topónimos que falan dos lugares de aprovisionamento e descanso para os viaxeiros do Camiño de Castela existentes desde séculos atrás. A súa privilexiada localización, como eixo desta comunicación entre o espazo galego e a Meseta, pero tamén coas terras hoxe pertencentes a Portugal, Tras-Os-Montes-, non debeu ser un factor alleo á ampla secuencia histórica que estas terras testemuñan. No concello da Gudiña, a escasa distancia da localidade e do percorrido do Camiño, existen abundantes vestixios medievais, de época romana e da ocupación prehistórica, aínda que non todos eles son apreciables aos ollos do visitante. Tal circunstancia, a da invisibilidade, ocorre co chamado “Tesouro da Urdiñeira”.

Considerado, segundo algúns autores, ben como un enxoval funerario ou ben coma un depósito ritual, en calquera caso, cunha finalidade espiritual. Está composto por dous brazaletes elaborados en ouro, xunto cun disco, ou “botón”, en bronce. O seu achado produciuse de forma casual en 1921 preto de Parada da Serra, localidade de este mesmo concello da Gudiña, ao pé das espectaculares formacións graníticas que coroan os montes da zona. Dando lugar á aparición de abrigos rochosos como a chamada “Cova das Cholas”, que conta cunha rica tradición oral asociada. Tal tesouro, hoxe fraccionado entre o Museo Provincial de Lugo e o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, vincúlase, polas súas características técnicas -entre outras, o recurso á técnica de cera perdida- á tradición metalúrxica do período final da Idade do Bronce.

En Vilavella conflúen varias das vías romanas que servirían de base á Vía da Prata. Os antigos camiños cambian, mais rara vez se perden. Por elas pasa a historia e as persoas que forman parte dela. A raíña Juana I de Castela, filla dos Reis Católicos, e Felipe de Habsburgo fixeron noite aquí, xunto a un atronador exército de 2.000 infantes flamencos e alemáns, preludio dun conflito dinástico que nunca chegou a ter lugar.

Igrexa de Santa María de Vilavella – Adrian Estévez / CC BY-SA 4.0

Un dos enclaves visitables máis significativos é o de Cabeza de Cichón, que ratifica esta antiga ocupación. Coexisten nel unha serie de promontorios: dous afloramentos de lousa, en que se aprecia a presenza de gravados sinxelos, petróglifos do tipo cazoletas, acompañando a outros dous túmulos elaborados, que se corresponden con mámoas, unha das cales foi arrasada recentemente. Vinculado a este mesmo conxunto, foi atopado recentemente un elemento do máis alto interese: unha estatua-menhir que hoxe, fóra da súa contorna orixinal, pode ser apreciada na propia vila da Gudiña. Situada nos xardíns do Toural, á beira do albergue de peregrinos. Na parte máis coidada ou mellor conservada, o reverso, márcase un trazo tendente a rectangular, que representa unha estola.

A Gudiña

Con estas características, a peza inscríbese nunha tipoloxía habitualmente adscrita ao terceiro milenio a.c., aínda que o contexto en que se erixiu convida a corrixir esta datación por unha máis recente, que podería oscilar entre mediados do segundo milenio a.c. e os inicios do primeiro. A finalidade deste tipo de estatua podería consistir en indicar un lugar con finalidade relixiosa ou funeraria, en que se lembraría a memoria dalgún membro principal da comunidade xa falecido, ou unha representación ideal deste; memoria social a través da cal o grupo podería ratificar a súa identidade.

Máis aló deste elemento e da relevancia histórica da súa contorna, é interesante a visita ás igrexas de San Pedro e San Martiño, ambas as de datación moderna (séculos XVI e XVII-XVIII, respectivamente), boas mostras de igrexas rurais, sobrias pero de boa factura.

0