June 18, 2021

Etapa 1ª: Puebla de Sanabria – Lubián

DESENVOLVEMENTO DO PERCORRIDO
Iniciamos o camiño na Praza Maior de Puebla de Sanabria (Zamora). Como aínda non estamos familiarizados coa sinalización do roteiro, por ser os primeiros quilómetros, teremos que prestar moita atención para evitar dende un principio posibles perdas. Saíndo do núcleo sanabrés e combinando tramos de asfalto e terra, chegamos a Lobeznos (4km) e Pedralba de la Pradería (6,5km), onde cruzaremos a vía férrea en direción a Las Ventas de Abajo (9,25km).

Unha vez pasado Pedroso (10km), e por riba da Autovía das Rías Baixas entramos en Requejo (12,7km). Dende aquí, e ata o quilómetro 23 teremos que superar unha forte pendente para chegar ao Alto do Padornelo (1.365m). Unha vez recuperados deste esforzo con un pequeno descanso descenderemos cara Padornelo (vila). Nestes últimos quilómetros, ata o final da etapa, comezamos a percibir a entrada en Galicia por las características dunha nova paisaxe. Así por sendeiros, camiños e vías, pasando por Aciberos, entramos na última vila da provincia de Zamora pola que pasa o camiño.

Lubián. Poboación que dispón dun pequeno albergue para 16 persoas con baño e cociña.

 

O percorrido cara a Santiago iníciase en terras de Sanabria, en empinadas rúas. Enmarcada por Casaróns construción tradicional, disponse a igrexa parroquial de Santa María do Azogue. Fermoso templo erixido a finais do século XII, etapa da que se conserva boa parte da fachada occidental que no seu pórtico principal amosa unha decoración románica.

Puebla de Sanabria – Jose Mario Pires / CC BY-SA 4.0

Posiblemente fundada con anterioridade, o rei Alfonso IX (1188-1230) concédelle o foro que rexerá a súa vida urbana durante a Idade Media como vila de reguengo que, a finais do s. XV, pasa a poder dos condes de Benavente, que a conservaron durante toda a Idade Moderna.

Na actualidade Poboa de Sanabria é un modelo exemplar de restauración dunha localidade plena de arquitectura e urbanismo tradicionais, cuns arcos levemente apuntados, que anticipan as formas estéticas do gótico.

Santa María do Azogue – José Luis Filpo Cabana CC BY 3.0

Os capiteis das columnas que enmarcan o pórtico están decorados con elementos vexetais e, como programa iconográfico principal, aparece a tentación de Adán e Eva. Unha serie de figuras humanas, con indumentaria propia da época da construción, ocupan os fustes destas columnas. Coetánea a esta primeira construción, ou pouco posterior, é a pila bautismal albergada no interior.

En efecto, o cruceiro e a cabeceira poligonal, enmárcanse xa nun estilo gótico, coa súa cuberta de bóvedas de crucería estreladas. Moito máis recentes son o órgano (datado en 1780) e a torre das campás, rematada polo reloxo. Inmediata a esta igrexa de Santa María do Azogue, e encostada ao seu lateral norte, érguese a ermida de San Cayetano, capela datada no século XVI, con fachada de estilo barroco. Avanzando cara ao norte chégase ao castelo. Coñecemos a súa existencia, polo menos, desde comezos do século XIII, se ben é factible que existise no seu emprazamento algunha fortificación anterior da que non se conservan restos.

A maior parte da construción actual correspóndese, en calquera caso, cun momento posterior, debido a que foi construído xa ben entrado o século XV. Así, cara ao ano 1450, o conde de Benavente tería adquirido a metade da poboación de Puebla de Sanabria e decidido acometer as obras do castelo ocupando para iso unha das antigas torres, a dos Losada.

Castelo de Puebla de Sanabria – Adri Pozuelo CC BY-SA 3.0 ES

O castelo reconstrúese cando Rodrigo Afonso de Pimentel, cuarto conde de Benavente, faise co control completo sobre a localidade, entre 1477 e 1482. Elaborado integramente en granito, o castelo presenta unha planta cuadrangular, disposta ao redor da torre da homenaxe, á que se accede por ponte levadiza e que recibe o nome de “Macho”. Alleo á súa función defensiva e militar primixenia acolle na actualidade a Casa da Cultura da vila.

O armazón defensivo da localidade complementábase cun valado. Do inicial, erixido en época medieval e aberto por dúas portas, nada resta na actualidade. Si se poden ver, especialmente nas inmediacións do castelo, amplas partes dos lenzos da muralla moderna, reconstruída no século XVI.

Padornelo – amaianos CC BY 2.0

Para a súa construción reutilizouse, en boa medida, o trazado do anterior, aínda que ampliado para incluír o barrio da parte baixa da vila. Fóra desta muralla permanece outro dos monumentos máis relevantes de Puebla: o convento de San Francisco. Ao redor deste terminou por desenvolverse un barrio novo, que recibe o nome do Convento, e que se sitúa na parte máis baixa da localidade, á beira do río.

LUBIÁN

Punto de chegada desta primeira etapa, o termo de Lubián enmárcase integramente entre os portos da Canda e do Padornelo, fundamentais para as comunicacións entre Galicia e a Meseta.

0