April 17, 2024

O século de Ourense

Non despreciemos a forza da pluma. Resulta curioso pensar que na Mancha do tempo de Cervantes escaseaban os muíños de vento (non así no Ourense da época) e hoxe sexan o seu maior emblema.

Tres autores esenciais das letras castelás e portuguesas compoñen a proposta: Tirso, Cervantes e Camões. Tres autores que representan a 850 millóns de falantes e que fan da Vía da Prata un territorio literario inigualable.

Foi Ourense unha fonte de inspiración para autores como o portugués Camões ou os españois Tirso de Molina e Cervantes. O primeiro narra a historia de Inés de Castro, nobre nacida nestas terras. O segundo escribiu sobre os amores dun nobre portugués e unha campesiña da Limia na súa obra ‘La gallega Mari-Hernández’.

Tampouco a obra cervantina está libre de referencias ourensanas. En “La Galatea”, a protagonista casa cun pastor do val do Limia. A relación de Cervantes e Ourense é moi estreita, ata o punto de que hai quen afirma que puido nacer en Ourense.

A obra de Cervantes recolle múltiples referencias á zona ademais da xa citada: a farrapada de Laza, a danza das espadas en Pedro Urdemales, a cascabelada, a bica-postre típico da zona-, a Santa Compaña, ou lendas galegas, en Persiles e Segismunda; a licantropía e as ánimas, no propio Quixote.

Xosé Cornide e Quevedo en Riós

A Reitoral da Chaira estivo estreitamente relacionada con Xosé Cornide e o seu sobriño ilustrado, Xosé Cornide Saavedra, ambos estudiosos con ricas bibliotecas. En Riós, podemos imaxinar a estes grandes homes de letras discutindo sobre o valor dos creadores do ‘Século de Ouro’, sostendo un documento único propiedade do segundo, onde Quevedo ensalza a obra de Cervantes. Demostrando que entre Quevedo, Lope, Góngora e Cervantes, ademais de puñaladas traperas e motes maliciosos tamén houbo lugar para a admiración.

Cervantes en Monterrei

Ao pasar Verín, chegamos ao castelo de Monterrei. No ordenamento das Cortes de Zamora de 1301, os procuradores refírense a Monterrei como a chave do reino de Galicia. Monterrei tamén foi chave na historia da literatura galega por ser o lugar onde por primeira vez se empregou a imprenta. Foi no ano 1493 e o libro foi o ‘Misal Auriensis’.

Onde hoxe atopamos o Parador de Monterrei, desde mediados do século XVI houbo un colexio xesuíta que chegou a contar con máis de 1.500 alumnos. Entre os documentos deste colexio atopouse a ‘Egloga Virgine Eparia’, texto que algúns autores asignan ao puño e letra de Cervantes, de quen din que estudou aquí.

Nesta obra, Cervantes, describe as terras de Monterrei e autodenominase sanabrio, terra integrada e ligada a Ourense ata a división de Javier de Burgos, en 1833.

Lances cabaleirescos en Viladerrei

Máis adiante chegamos a Viladerrei, a historia entrelázase coa fantasía nunha batalla épica que podería ter sido inspiración para as fazañas dos personaxes cervantinos. Aquí, onde nace a comarca da Limia, produciuse unha batalla entre soldados alemáns da garda de Felipe o Fermoso e os veciños, ao ser atacados os primeiros por máis de 500 homes con coitelos. O enfrentamento tivo que ser parado polo mesmo Rei.

Tirso de Molina e Camões na Limia

A comarca da Limia. É un lugar cunha gran historia literaria que arranca xa no século V d.C. Mil anos despois foi a Limia fonte de inspiración para autores como o portugués Camões ou o castelán Tirso de Molina. O primeiro narra a historia de Inés de Castro, noble nacida nestas terras, e o segundo escribiu sobre os amores dun nobre portugués e unha campesiña da Limia na súa obra ‘A galega Mari-Hernández’, comedia de enredo cunha trama amorosa como fío condutor. As escenas populares dos campos limiaos foron a fonte de inspiración nesta obra.

Tampouco a obra cervantina está exenta de referencias a esta comarca. En “La Galatea”, a protagonista casa cun pastor do val do Limia.

0